martes, 14 de octubre de 2008

DAVID LETT (n. 1939 - f. 9/10/08)



O pinot noir de Eyrie Vineyards (Dundee Hill, Oregón) é agradable e elegante, con complexos aromas. Coa sua cor rubí pálida, distínguese da meirande parte dos actuais escuros pinot noirs, que destacan pola súa forza e opacidade. Por iso, os claros Eyries teñen sido xulgados erroneamente como febles e descoloridos. De feito, a xuízo do propio colleiteiro, David Lett (Papá Pinot, para os amigos), este erro ven provocado por unha interesada confusión entre forza e terroir: demostrouno xa en 1979, nunha cata a cegas en París, cando a colleita de 1975 do seu Eyrie Vineyards Reserve Pinot Noir foi apreciada ao mesmo nivel que a de Borgoña. Contan que, asombrado, Robert Drohuin, mito vivinte entre os viticultores da Borgoña, fixo no seu château unha nova cata, onde aquel viño americano do '75 só foi superado por un Chambolle-Musigny do '59 do propio Drohuin, que non dubidou en trasladar parte das súas viñas a Oregón.
A istoria de cómo chegou a dar viño unha pinot noir en Oregón é, cando menos, curiosa.
Con 22 anos e recén licenciado, David Lett pasou polo Napa Valley camiño da Universidade de California. Fascinado tanto polas viñas de Château Souverain como polo traballo que alí se estaba a realizar con elas, pídeulle traballo ao seu dono, Lee Stewart, con quen aprendería os arcanos do cultivo das videiras. Dous anos máis tarde, e unha vez conseguido un deses títulos de universidade americana viaxa por Europa e fica etérnamente namorado da pinot noir e da súa capacidade para dar o mellor de si mesma nas peores condicións ambientais.
De regreso a EEUU, David comeza a busca do lugar axeitado para prantar aquela uva: o extraordinario sabor dunhas fresas cultivadas no Willamette Valley, en Oregón, lévao a mudarse alí no 1965. Un ano máis tarde atopa o lugar exacto: unha vella finca de frutais en Dundee Hill á que bautizará Eyrie Vineyard. Case ao mesmo tempo atopa á muller da súa vida, que compartirá con el, no verán do '66, a súa luna de miel plantando os case 3000 bacelos que trouxera de Napa Valley, onde ninguén cría que David había facer algo bo deles.
No 1970 recolleu a súa primeira colleita, tan insatisfactoria que nin tan sequera se atreveu a comercializala como pinot noir. Fíxoo como Spring Wine. Despois veu todo o demais, incluído ser o primeiro colleiteiro de pinot gris de EEUU.
O pasado nadal David abriu para a súa familia e os seus máis directos colaboradores dúas ou tres daquelas botellas Spring Wine, e atoparon que aquel viño lixeiro e esbrancuxado se convertira nalgo complexo e absolutamente delicioso.
É o tempo, que pon todo no seu lugar.

(David cos bacelos. Foto tomada do blog de Jancis Robinson)

No hay comentarios: