miércoles, 1 de octubre de 2008
RICARDO CABALLER ZAMORA (n. 08/08/19- f. 26/09/08)
A pirotécnia é un espectáculo para o asombro e a diversión, para a festa, pero D. Ricardo sabía que non sempre ten que ser así. Inda non fixera os 17 anos cando estalou a Guerra Civil, e o Goberno da República, baixo o dominio do cal quedou Godella (de Valencia), onde estaba o obradoiro pirotécnico Caballer e onde el mesmo nacera, requisou aquel obradoiro rexentado polo seu pai. Pasaron de fabricar os voladores e minats que xa fixera famosos o seu abó (fundador no 1881 da fábrica) a facer foguetes de cores con paracaídas para iluminar o terreo, e outros para lanzar propaganda de guerra destinada a propios e contrarios. Tamén fabricaron máis dun millón de cápsulas para os vellos e impotentes mauser da República. Gustáballe lembrar a Ricardo que daquela, debido a que os homes todos marcharan para a fronte, chegaron a traballar na fábrica do seu pai máis dun milleiro de mulleres.
Cando acabou a Guerra foron declarados desafectos ao réxime, e o seu pai foi encarcelado, resultando morto de tristura, fame ou medo no 1940. Ricardo tamén pasou as súas e con 21 anos foi desterrado ao daquela Marrocos español, onde formou parte dun batallón disciplinario ao que encargaron a construción da estrada de Alcazarquivir (Ksar el Kebir, a uns 30 Km de Larache). Pouco despois foi enviado a Madrid, onde cumpriu un servicio militar de sete anos, tralos que regresou a Valencia, a súa terra.
Tentou volver poñer en pé o vello obradoiro do seu abó en Godella, pero o seu pasado no bando republicano pechoulle esa porta (enténdese que un pirotécnico desafecto poda ser tido por un perigo). Pero era o que sabía facer, o seu destino. Traballando para outros foi percorrendo toda a provincia ata que el e o seu irmán foron quen de reabrir o seu propio obradorio. Nos anos '60, e xa en solitario, abriu o seu propio negocio que se convertiría co tempo nunha referencia a nivel mundial.
Lembraba como un dos seus mellores traballos un castelo de foguetes feito na honra de Franco "con el escudo del caudillo", o imperial e o de Madrid. Así son as cousas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario