Vincent Bickleman, de Brooklyn, gustaba de entrar nas casas a roubar xoias. Levaba moito tempo facéndoo e facíao ben. Nunha desas exitosas operacións asaltou a casa dunha tal Jill Spero. O pai de Jill era un empresario, un home de negocios, tamén de Brooklyn: un home discreto, vestido con roupa discreta, cun coche discreto, con costumes discretos. Tiña un taller de coches, o Big Apple Car Services, pero antes xa tivera unha tapicería, un pequeno restaurán de comidas rápidas, un forno e ata unha tenda de animais. Precisamente era a súa afección polas pombas o que o facía moi popular no barrio de Bensonhurst, onde nacera. Criábaas na terraza dun edificio de Bath Avenue, onde vivía, e alí, entre as gaiolas, entre as súas amadas pombas, era onde prefería facer os negocios, pechar os tratos. Tamén era un habitual do West End Social Club, xusto a carón do seu taller.
Pobre Vicent Bickleman. Tivo moi mala sorte. Porque o West End Social Club era un niño de mafiosos. Porque o Big Apple Car Services era unha tapadeira para un negocio ilegal de tragaperras e extorsións varias. Porque o discreto Anthony era consegliere da familia Bonano. Porque xusto naquel entón, entre os anos 1987 e 1992, cos capos da familia (Philip "Rusty" Rastelli e Joseph "Big Joey" Massino) na cadea, era momentáneamente o don da familia. Porque era un gangster á antiga: violento, despiadado, práctico, bo negociante e un frío asasino.
Vicent Bickleman foi executado por Paul Gulino, membro dos Bath Avue. Crew, sempre ao servizo de Anthony, nunha acción que remataría na detención e posterior condena a cadea perpetua do capo. O propio Gulino, un rata que delatou a Mr. Spero e que trazou un plan para matalo, foi asasinado por un compinche, Louis J. Tuzzio, seguindo as ordes do discreto Anthony, que tamén mandaría matar a este último. O asasino de Tuzzio tivo sorte de que Anthony Spero fora detido daquela.
Morreu na penitenciaria. A súa segunda filla, Diana Clemente, dixo que vivira a súa vida coma un home e que morrera como tal, en clara referencia a Joey Massino e outros tantos membros da familia Bonano que acabaron convertíndose en soplóns do FBI.
(A imaxe é da George Pickow Image Collection, e non ten nada que ver co aquí narrado. Ou tal vez si. Quen sabe)
No hay comentarios:
Publicar un comentario