jueves, 25 de septiembre de 2008

THUBTEN JIGME NORBU (n. 16/08/22, f. 05/09/08)



Naceu Tashi Tsering ("O tigre que oubea") en Taktser, unha colina rodeada polos altos cumios do Himalaia pero aberta a un fermoso val e aos ventos xiados. Foi o primeiro fillo dunha parella de pobres pastores que inda terían 5 fillos máis. Naceu, como outros moitos tibetanos, á improbable idade dun ano e con tres (ou catro, segundo se mire), foi identificado polo propio Dalai Lama como tulku, é dicir, como reencarnación dun lama, neste caso de Taktser Rinpoche ("O precioso de Takster", sendo Rinpoche un título común para os monxes ou lamas). Foi rebautizado polo propio Dalai como Thubten Jigme ("sen medo") Norbu ("xoia") e así, con eses dous nomes, foi como comezou a súa vida relixiosa. Cando tiña 15 anos e xa era moi ben considerado polo seu gran prestixio, sucedeu outro milagre: o seu irmán, de só 2 anos de idade foi identificado como o mesmísimo Dalai Lama, e pouco despois un terceiro irmán foi tamén identificado como tulku. Nunca tal se vira no Tibet, ou a lo menos non se lembraba tal cousa. Os pais pasaron de ser dous miserentos a vivir na opulencia gracias á sorte da reencarnación.
Norbu foi nomeado aos 27 anos líder espiritual, digamos abade, do Mosteiro de Kumbum, na provincia de Amdo, a 50 Km de onde nacera, pero un ano despois a invasión chinesa acabou coa súa relaxada e meditabunda existencia. Feito prisioneiro polo Exército de Liberación Popular, segundo el mesmo (Tibet, patria perdida, 1962), tentaron lavarlle o cerebro e foi forzado a renunciar á vida monástica e a viaxar a Lhasa, a capital do Tibet, onde residía o seu irmán co seu goberno. A súa misión era tratar de convencelos de que recoñeceran ao exército chinés coma unha forza de liberación e ao goberno de Mao coma un aliado, coa promesa de ser el mesmo nomeado gobernador xeral do Tibet. Mesmo lle chegaron a insinuar que a morte do seu irmán o Dalai Lama, de resistirse, sería tan ben recibida como recompensada. E aceptou.
Foi enviado a Lhasa acompañado de dous axentes chineses que non o deixaban nin á sombra nin ao Sol, e comezou traballar, reuníndose en varias ocasións cos distintos líderes tibetanos. A cousa semellaba difícil. Finalmente logrou convencer ao seu irmán para verse nunha reunión secreta no Palacio de Potala, xusto onde o Dalai Lama fora entronizado dez anos antes. Malia o encargo supostamente aceptado e a oportunidade, contoulle ao seu irmán os plans dos chineses, que tentaban atacar Lhasa e matalo. O rapaz escoitouno con atención e fíxolle caso: aos poucos días, montou a cabalo e emprendeu unha perigosa viaxe a campo aberto cara a fronteira coa India, onde permanecería durante un tempo. Rinpoche inda viviu un ano en Lhasa facendo ver aos invasores que era o seu fiel aliado. Finalmente, cando tivo a oportunidade, escapou aos EEUU.
Alí foi captado pola CIA para traballar como instrutor e tradutor na illa de Saipan, no Pacífico, contribuindo desde alí de xeito decisivo á creación da guerrilla de resistencia tibetana. Malia súa aposta decidida pola independencia do Tibet incluso seguindo a ruta da violencia, nunca criticou nin se enfrontou ao seu irmán, que defende unha resistencia pacífica e se conformaría cunha simple autonomía da rexión.
Dada a súa importancia para o goberno USA e o seu elevadísimo nivel cultural, entrou a formar parte da vida académica norteamericana, primeiro como técnico no Museo Americano de Historia Natural de Nova Iorque e logo como profesor na Universidade de Indiana, onde fundou o Centro Cultural Tibetano. O mesmísimo Heinrich Harrer (Siete años en el Tibet, 2002) foi quen o axudou a escribir a súa autobiografía no 1960, pouco despois da súa chegada. Foi representante do Dalai en EEUU e en Xapón. Deixou muller e tres fillos e contoume todo esto mentres o levaba na barca.

No hay comentarios: