domingo, 28 de septiembre de 2008

CONNIE HAINES (n. 20/01/21- f. 22/09/08)



Connie Haines subiu cantar a un escenario cando tiña 4 anos e non baixou ata hai dous anos, vítima dunha enfermidade mortal. Como non podía ser doutro xeito foi rebautizada no mesmo escenario onde viviu. O seu nome orixinal, tan sureño e barroco coma o seu acento, era Yvonne Marie Antoinette JaMais, "demasiado longo como para caber nos carteis", na opinión do trompetista Harry James, líder da orquesta na que ela cantaba con 17 anos compartido escenario cun tamén novo Frank Sinatra. "Ti tes cara de Connie", lle dixo. O de Haines foi para que lle rimara con James. Pouco lle durou a rima ao pobre de Harry.
O gran Tommy Dorsey escoitouna no Frank Dailey's Medowbrooks de New Jersey, o templo das big bands e preguntoulle: "quén che ensinou cantar así?" Sen agardar contestación, continuou: "cando poderías vir cantar na miña?" Os problemas financieros de Harry provocaron a rápida chegada de Connie e Frank á Tommy Dorsey Orchestra. Unha auténtica sorte para eles, xa que alí aprenderon a peculiarísima técnica de respiración de Dorsey, que lle permitía coller aire mentres tocaba sen que aparentemente necesitara tomar alento. Tamén colleron moito do fraseo do trombonista e líder da orquesta, que lles descubriu así mesmo a necesidade de interpretar, máis que de cantar, as cancións.
Foi no escenario do Madison Square Garden onde un pailán descoidado tirou un misto que prendeu rápidamente no vestido da cantante. Frankie, moi atento, tiroulle a chaqueta enriba. Como non servira de moito, el mesmo se tirou enriba da cantante para afogar as lapas. Cando todo rematou aquela muller puxo en pé o seu escaso metro e medio e dixo cun pícaro sorriso: "tranquilos, Frankie só estaba a apagar o meu lume", e seguiu cantando co seu vestido queimado ata que remataron o número.
Cara ao fin dos anos 40 o tempo das big bands comezou esmorecer dando paso á época dourada dos vocalistas, que tomaron o relevo prefigurando tempos posteriores na música popular. Connie comezou unha sólida carreira en solitario, convertíndose nunha figura moi popular grazas ás súas intervencións, case continuas, nos vellos programas de Abbot & Costello, Bob Hope, Ed Sullivan e Frankie Laine. Non foi Sinatra, pero chegoulle ben.
Cando baixou da miña barca dixo adeus moi leda e marchou cantando o aquel de"I've got the world on a string". Coma sempre.

No hay comentarios: