lunes, 29 de septiembre de 2008

FRED CRANE (n. 22/03/18- f. 28/08/08)



“What do we care if we were expelled from college, Scarlett? The war is going to start any day now, so we’d have left college anyhow.” ("Qué importa que nos botaran da universidade, Escarlata? A guerra vai comezar un día destes e teríamos que deixala de calquera xeito").

Esta é a primeira liña de dialogo no guión da película máis película de tódalas películas: Foise co vento (Gone with the Wind, 1939), e Fred Crane o encargado de dicila co seu marcado acento sureño, máis concretamente de Nova Orleáns. Foi en parte ese acento, en parte a súa beleza, en parte tamén a casualidade, a que levou a David O. Selznick a escollelo para ese papel, dándolle así "un billete para a inmortalidade", segundo as súas propias verbas. Recén chegado a Hollywood, acompañou á filla da súa curmá (unha belísima actriz do cine mudo) para unha proba para o papel de Suellen O'Hara, sendo el o elixido para incorporar a Brent, un dos xemelgos Tarleton (o outro, Stuart, foi o actor George Bessolo, que cambiaría despois o seu apelido polo de Reeves para encarnar na tele ao máis famoso Supermán da historia). Ademais de na primeira escena, o Sr. Crane participou noutras catro, incluída a famosa da barbacoa. Foi contratado por 50 dólares á semana.

Agora Escarlata xa estará contenta na outra beira con tódolos pretendentes ao seu carón, xa que Brent Tarleton era o único que lle faltaba.

(Brent - á dereita de Escarlata- nunha foto cunha dedicatoria autógrafa do propio Fred Crane tomada de aquí)

No hay comentarios: